Powered by
Issuu
Publish for Free
sábado, 5 de diciembre de 2015
COMEZA O CULTURGAL 2015 EN PONTEVEDRA
PAZO DA CULTURA (4,5 e 6 de decembro)
A Feira das Industrias Culturais comeza en Pontevedra con moitas propostas destinadas a todas as idades.
O programa de actividades podedes consultalo na súa páxina web ou premendo directamente nos enlaces que poñemos neste blog.
Hai dos espazos que están permanentemente abertos: xogos tradicionais, bebeteca...Tamén hai visitas guiadas que podedes gozar nestes tres días.
Animádevos a asistir - especialmente este sábado - porque
PAGA A PENA!.
domingo, 29 de noviembre de 2015
VENRES, 20 DE NOVEMBRO
UN DÍA TRISTE POLA MORTE DE XOSÉ NEIRA VILAS
O autor dun libro fermosísimo, "Memorias dun neno labrego", o pai de Balbino, o seu protagonista deixounos este venres. Un loitador que escribiu as seguintes verbas inesquecibles:
"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre".
Nos seguintes enlaces podedes ler máis sobre X. Neira Vilas:
Na páxina web da súa Fundación
Na wikipedia
Nesta páxina de biografías da Enciclopedia Biográfica en línea
jueves, 5 de noviembre de 2015
DÍA DA CIENCIA EN GALEGO
Onte, mércores 4 de novembro, foi un día para reivindicar o uso da lingua galega para a investigación, a divulgación e a docencia.
En toda Galicia, e promovido por diversas institucións, celebráronse diversos actos que se enmarcan dentro do Mes da Ciencia que se celebra ao longo do mes de novembro.
Dende o ano 2010 as tres universidades galega organizan eventos co lema "En galego tamén se fai ciencia".
Este ano o Día da ciencia en galego, está dedicado aos científicos galegos Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga Pondal este último considerado o símbolo do científico galego.
Como non podía ser menos, as Bibliotecas escolares galegas se suman a esta celebración e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere impulsar a celebración anual deste día e dedicar o mes de novembro ao MES DA CIENCIA EN GALEGO DAS BIBLIOTECAS. Por este motivo, Bibliotecas Escolares de Galicia difunde esta data cun cartel, un folleto informativo, un Manifesto que este ano correo a cargo de Jorge Mira e unha recompilación de materiais e recursos dixitais para que todos/as podades gozar e aprender. Nós tamén imos realizar diversas actividades relacionadas coa ciencia en galego e que publicaremos neste blog.
jueves, 29 de octubre de 2015
E CHEGA O DÍA DE CELEBRAR O SAMAÍN
Na biblioteca, os alumnos e
alumnas puideron disfrutar dunha exposición de libros con temática de medo. Para
ambientar a mostra confeccionamos murais con debuxos onde aparecían representados os seus medos. Eran do máis
variopinto, dende pantasmas ou monstruos ata morcegos ou calcetíns de
cores…
Os alumnos e alumnas de quinto
curso, durante estes días, buscaron na biblioteca ou na casa, textos, libros, ou fragmentos literarios onde o inframundo estivera presente. Con este material elaboraron traballos que hoxe leron aos compañeiros e compañeiras na Biblioteca.
Outros cursos decidiron elaborar estes
traballos durante a fin de semana aproveitando o ambiente do Día de Tódolos Santos,
e expoñelos a vindeira semana. Recompilaremos todas estas historias para elaborar un exemplar de " Medos do Laxeiro".
Remata aquí unha semana onde nenos e maiores puxemos de manifesto os nosos temores. CONTINUARÁ...
martes, 27 de octubre de 2015
COMEZA A SEMANA DOS MEDOS E AS EMOCIÓNS
O equipo de biblioteca elaborou unha serie de propostas, suxestións e actividades para desenvolver ao longo desta semana: unha sinxela unidade didáctica e unhas propostas de traballo colaborativo.
Powered by
Issuu
Publish for Free
PROPOSTAS DE TRABALLO
Powered by
Issuu
Publish for Free
viernes, 23 de octubre de 2015
24 DE OUTUBRO, “DÍA DA BIBLIOTECA”
O 24 de outubro, como cada ano desde o 1997 promovido por “La
Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil”
celebramos o Día da Biblioteca. Elixiuse esta data para lembrar a destrución da
Biblioteca de Sarajevo durante o conflito dos Balcáns. A intención é trasladar á
opinión pública a importancia das bibliotecas como lugar de encontro de
lectores de todas as idades coa cultura, e como instrumento de mellora da formación
e convivencia humana.
Na nosa Biblioteca tamén quixemos recordar esta data.
Organizamos un concurso: “Buscando a Gromiño”, a nosa mascota. Este curso irá vestido de explorador porque nos acompañará na
aventura de “ Buscar, elaborar, compartir…”, eixo vertebrador do noso traballo.
Os Gromiños estiveron agochados dende a semana pasada en todas e cada unha das clases. Os alumnos e alumnas, previa explicación dos profesores e
profesoras do motivo da actividade, tiñan que atopalo. Estaban colocados nos
lugares máis insospeitados…
Unha vez localizados, os afortunados/as quedaron emprazados o venres día 23, ás 11:30h na Biblioteca para recibir un agasallo.
A todos os nenos e nenas fíxolles moita ilusión a actividade. Os premiados e premiadas asistiron moi ledos á cita. Xa imaxinaban que o presente
non podía ser outra cousa máis cun ...LIBRO!!!
Como anécdota do día, Martín,
alumno de 4ºB, esqueceuse da cita, pero aí estaba a súa titora Carmen para
recordarllo, deste xeito tamén pudo disfrutar do seu agasallo:
lunes, 5 de octubre de 2015
PARABÉNS PARA LEDICIA COSTAS!!!
Resultou unha auténtica ledicia coñecer a
nova de que Ledicia Costas foi galardoada co “Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil “, 2015.
Lembramos con moito agarimo o día 24 de abril, cando nos visitou para
facer unha animación lectora, precisamente sobre o título polo que recibiu o premio: “Escarlatina,
a cociñeira defunta”, elixido como itinerario lector para o alumnado de
sexto de Educación Primaria no curso 2014-2015.
Recibímola con doces elaborados polos alumnos
e alumnas en colaboración coas familias,
inspirados nas receitas do libro.
Encantounos oíla falar dos seus avós como
fontes de inspiración, do moito que lle gustan os coches ou do chocolate, o seu
doce favorito; de como quería desmitificar o inframundo. Os nenos e nenas para homenaxeala viñeron disfrazados
de zombis e de personaxes variopintos .
Foi unha xornada encantadora, divertida,
riquísima e, sobre todo inesquecible.
Desde este pequeno recuncho queremos
desexarte moitas felicidades Ledicia e que sigas recollendo moitos
éxitos!!!
jueves, 17 de septiembre de 2015
A POSTA A PUNTO
Benvida a todos e todas neste novo curso que
comeza a súa andaina. O equipo de biblioteca está a traballar arreo para que a
nosa biblioteca estea a punto e para elo estamos reorganizando os espazos,
rexistrando e etiquetando libros e outros recursos, realizando o imprescindible
expurgo para dar cabida a novos fondos, rexistrando ao novo alumando e aos
novos profesores, programando o Plan Anual de lectura...Unha tarefa ardua,
complicada e que consume grande parte das nosas enerxías.
O equipo de biblioteca sábeo moi ben e non
escatima esforzos rabuñando segundos ao tempo de que dispoñemos.
Tamén estamos a revisar os
materiais das Mochilas Viaxeiras de educación infantil, introducindo nelas
novos materiais en lingua inglesa e así valorar as suxestións realizadas o curso pasado polos pais/nais.
Durante este curso escolar e seguindo a
traxectoria dos anteriores estamos a elaborar un novo Proxecto Documental
Integrado. Este ano, e tras varias reunións realizadas polo claustro de profesores, decidimos sumarnos ao
tema proposto por Bibliotecas escolares de Galicia que leva o título “
Biblioteca escolar,base de exploracións”.
BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS
“O lema "Biblioteca escolar, base de
exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse
preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo
diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas
aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas
outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun
mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido”.
miércoles, 24 de junio de 2015
AGASALLOS LECTORES
UN ESTUPENDO FIN DE CURSO
![]() |
Este curso que xa remata, o Equipo de Biblioteca pensou en levar a cabo
como actividade de fomento da lectura, un recoñecemento para os alumnos e
alumnas que mellor aproveitaron os recursos da biblioteca, segundo os datos que
se desprenden do programa Meiga, ferramenta que axuda a automatizar os procesos
de xestión dos fondos da biblioteca, un
estándar da xestión bibliotecaria en
Galicia.
O último día de
curso entregamos diplomas e un libro con
CD aos sete finalistas:
Camisón Araújo,
Zulema (2ºB Ed Prim), García Rodríguez, Mario (2ºA Ed Prim), Rodríguez
Ballesteros, Lois (1ºB Ed Prim), Rolán
Bautista, Sara (2ºB Ed Prim), Bulete, Alexa-Mihaela (2º B Ed Prim), Dudau
Bartolomé, Nadyn (6ºB Ed Inf) e Encisa
Pérez, Martín (5º B Ed Prim).
E para a ganadora ademais do diploma e o
libro, un fermoso agasallo confeccionado con goma - eva, un Gromiño!! Na imaxe vemos a MARÍA PÉREZ VÁZQUEZ (2ºB Ed Prim) así de
orgullosa co seu ben merecido Gromiño!
PARABÉNS A TODOS E A TODAS!!!!
Aproveitando o V Centenario do nacemento de
Santa Teresa de Jesús queremos lembrar a
súa labor literaria rematando o curso académico cunha das súas frases máis
célebres:
“Lee y
conducirás, no leas y serás conducido".
jueves, 11 de junio de 2015
VIGO, UNHA CIDADE LECTORA.
Hoxe temos a
satisfacción de ler unha estupenda noticia no xornal Faro de Vigo. Segundo se desprende dun estudo feito por un portal
de comercio electrónico, Vigo é unha das cidades de España onde
máis se le, por diante de Barcelona ou de Bilbao. Esta realidade supón que debemos
continuar no esforzo para manter esta situación
e mesmo mellorar os datos. Desde
o noso pequeno recuncho, a Biblioteca do centro, queremos aportar toda a nosa perseveranza e
traballo para que se volvan a publicar noticias como esta.
Así mesmo, comprácenos enormemente pertencer á rede de
Bibliotecas Escolares de Galicia que pon todo o seu empeño no fomento da
lectura como ferramenta de acceso ao coñecemento. Queremos agradecerlle un ano
máis o seu asesoramento e o seu investimento
para o bo funcionamento das bibliotecas nos centros galegos.
Una lectora entre estanterías en La Casa del Libro. // R. Grobas
Vigo también fabrica... lectores
Un estudio del portal de comercio electrónico Amazon sitúa a
la ciudad como la sexta gran urbe española donde más se lee
jueves, 7 de mayo de 2015
AS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS NA PÁXINA DO MINISTERIO DE EDUCACIÓN CULTURA E DEPORTE
No enlace podedes ver a reseña que o Ministerio
de Educación, Cultura e Deporte dá a coñecer a toda España a labor que
desenvolven as bibliotecas escolares galegas. En concreto, faino en relación á
celebración o 23 de abril do Día do Libro.
É un pulo que nos
debe seguir animando a traballar por e para o fomento da lectura, porque creemos
nunhas bibliotecas dinámicas e activas que cumpren distintas e variadas
funcións: lugar de traballo, de encontro, de busca de información, de lugar
para compartir ideas e opinións...
Podedes ver tamén
neste outro enlace, distintas experiencias
realizadas nas bibliotecas de
diversos centros galegos.
jueves, 30 de abril de 2015
Sopa de libros. Edicións Xerais
O raposo Pindo é un raposo solitario, que sabe as falas de todos os
animais e as persoas; segundo se di é fillo do lobo Petiso e a raposa Meiga.
Pindo ten un poder: é quen de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna.
Ese poder conseguiuno, vendo como o Sol pousaba a súa luz, ao afundirse no mar,
despedindo o día.
Chegou o gran momento. Levabamos días e
días esperando e
preparando a súa chegada e por fin,
puidemos gozar da presenza dun autor da talla de MANUEL RIVAS. Todo isto
grazas á xentileza de Anaya, editora do seu libro “O raposo e a mestra”, elixido como itinerario lector en lingua
galega para Terceiro e Cuarto curso de
Ed. Primaria.
Cando chegou ao colexio, pasaban quince
minutos do mediodía. Como o público era moi numeroso, case cen nenos e nenas,
en vez de representar a animación lectora na Biblioteca como é habitual,
acondicionamos o comedor como salón de actos.
Antes de comezar a actuación os alumnos e
alumnas quixeron recibilo cunha poesía titulada “A Manolo Rivas”, escrita por eles e recitada por Alba Burón, alumna
de 4ºA.
Comezou así:
“Manolo Rivas, gústanos que escribas,
Como narrador, es un gran escritor,
como autor un gran soñador”.
Manolo Rivas, gústanos a imaxe
dos teus personaxes.
En cada un deles,
fas unha homenaxe.
Que agradable sorpresa,
resultou ler o “O raposo e a mestra”.
...............
Alba continuou
recitando coa súa doce voz de nena. Fíxoo tan ben que cando rematou, Manuel Rivas,
agradeceullo cunha reverencia.
Entón comezou a
actuación. Acompañado de César, un músico moi especial, repuntou dramatizando a
historia do raposo e da mestra. Ataviouse cun fular a modo de rabo, unha gorra
como se fora un casco, e unha lanterna na fronte; igualiño, igualiño que Pindo,
o raposo. Cantou as cantigas que aparecen no relato e en todos os idiomas!!: en
galego, francés, inglés, italiano e ata en alemán. Bailou, e animou a todos e a
todas coas súas verbas sacadas do relato: chascarrandainas, choino, toporroutou, prolipropileno…Se queredes saber
o significado destas palabras, deberiades ler o libro Paga a pena!.
Nestas imaxes, se intúe a
súa paixón pola literatura. Por certo, canta moi ben e como actor é fantástico.
Rematou explicando que
para escribir o conto, se inspirou nun
raposo que veu pasar por diante del...Co difícil que é mirar un raposo, que
sorte! Tamén explicou que o chamou Pindo polo monte Pindo, aquel que se mira na
Costa da Morte.
Autor, músico e
público asistente acabamos cantando e batendo palmas.
Para despedilo, outro
agasallo: uns versos de Rosalía cantados pola alumna de 6º B, Ana Garrandés, que
coa súa fermosísima voz fixo que Manuel Rivas quedara sorprendido e
impresionado.
Acto seguido, trasladámonos á Biblioteca para que asinara os
exemplares de todos os alumnos/as. Algúns profes aproveitaron a ocasión para
traer da casa un libro del para que lles quedase unha lembranza deste intenso e
marabilloso día.
No libro de autores da nosa biblioteca, “Astros da Literatura”, debuxou unha espiral e no medio, nós, o
Colexio Pintor Laxeiro, e ao redor:as cereixas, a luz da néboa, as Cíes do
ceo, o camiño dos vagalumes, os paxaros invisíbeis, o país dos parachuvas
surrealistas, a liña que une o visíbel e o invisíbel, mil anos do noso pobo, a
liña do inaccesíbel, a terra que se esconde, a esperanza á procura de esperanza e, por último, a súa sinatura.
Deixounos un mapa conceptual de sensacións que nos envolve!!
Foi para nós unha honra gozar da túa presenza, da túa xenerosidade en non
escatimar o tempo, de facernos pasar unhas horas extraordinarias, pero sobre todo grazas polo goce que experimentamos coa lectura dos teus libros, SEMPRE.
Como “A gratitude é a memoria do corazón”
(Lao Tse), con este vídeo - montaxe
realizado por Eugenia Álvarez (Coordinadora da Biblioteca), o Equipo de
Biblioteca quere agradecer o traballo realizado
por Esther Fernández (coordinadora do Equipo de Actividades Extraescolares e
Complementarias) por empregar o seu tempo, entre outras cousas, no acondicioamento do espazo xunto cos seus alumnos de 6º B de primaria. Do mesmo xeito, tamén agradecer a Montse Coello (Coordinadora
do Equipo das Tics) pola labor realizada de gravación de todo o acontecemento
deste día tan especial.
Grazas polo voso apoio!
E grazas a todos/as que
contribúen no día a día a que a nosa tarefa sexa máis livián!.
lunes, 27 de abril de 2015
domingo, 26 de abril de 2015
UN DÍA
DESPOIS DO DÍA DO LIBRO:
ESPERADA VISITA DE LEDICIA COSTAS.

As titoras de sexto curso de Primaria elixiron este curso o libro “Escarlatina,
a cociñeira defunta”, de Ledicia Costas, como itinerario lector en lingua galega. A elección resultou moi acertada, tendo en conta que a devandita obra foi galardoada en varias
ocasións: premio Merlín de Literatura infantil en 2014,
premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de Literatura Infantil de 2014 e o
premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de
literatura infantil e xuvenil. Figura tamén como finalista dos premios concedidos
pola AELG (Asociación de Escritores en
Lingua Galega) á mellor obra publicada no 2014 de literatura infanto-xuvenil. O
sábado día 9 de maio, no Círculo de las
Artes do Concello de Lugo, darase a coñecer a obra ganadora. Queremos desexarlle
dende aquí moita sorte.
Os alumnos e alumnas
prepararon con moita ilusión a visita: para recibir a Ledicia Costas, disfrazáronse
de personaxes do inframundo. Estaban impresionantes! Tanto foi así que a propia Ledicia non puido conter as gargalladas ao mirar
para aquel público que máis ben parecía saído do video "Thriller" de Michael Jackson.
Non foi a única sorpresa que lle deron a esta escritora tan nova, senón que tamén trouxeron un montón de lambetadas elaboradas na casa por eles e
elas coas receitas de cociña que aparecen no libro. Houbo moita variedade de doces de chocolate: piruletas ,
caracois, magdalenas, biscoitos, flan, e ata unha empanada de mexillóns, receita incluída na obra porque lle gusta moito a Ledicia,
A charla resultou moi amena. Contou que aínda que exercía de avogada
ata hai pouco, decidiu aparcar a súa
profesión para meterse de cheo na literatura. Como todos os escritores e
escritoras, destacou o seu gusto pola lectura desde ben nena.
Pronto se centrou no argumento da novela. A sitúa no inframundo porque, segundo ela, non
existe moita literatura xuvenil sobre isto e esta temática, en clave de humor, atraíalle dende ben
nena. O personaxe do avó é piloto de carreiras porque a ela
lle gustan moito os coches. Para darlle carácter ao personaxe inspirouse na peculiar figura do seu avó, xa falecido, Fixo as delicias de todos e todas recordando anécdotas vividas por ela.
Invitou aos nenos e nenas a participar do tema avós e saíron historias
realmente divertidas. Falou de animais; a pesar de que a mascota do
protagonista é un gato, a ela particularmente, non lle gustan nada, arrepíanlle. Tamén das súas preferencias polos programas de televisión sobre cociña. E das mulleres, de
como a pesar de que o sexo masculino se leva a mellor parte en canto a estrelas
Michelín hai mulleres que
saben moito, moito de cociña e para mostra, as avoas. Por todo isto e porque foi o seu desexo, a protagonista, experta en menús, é unha nena….
Unha vez rematada a charla asinou todos e cada un dos exemplares. Os
nenos e nenas agasallárona cunha bandexa de doces. A biblioteca
converteuse nun improvisado festín.
As receitas de Ledicia fixeron as delicias
de nenos/as e maiores; as profes tamén gozamos “de lo lindo”.
Grazas Ledicia e grazas ás mamás e papás que con tanto mimo colaboraron
nesta xornada inesquecíble.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)