Sopa de libros. Edicións Xerais
O raposo Pindo é un raposo solitario, que sabe as falas de todos os
animais e as persoas; segundo se di é fillo do lobo Petiso e a raposa Meiga.
Pindo ten un poder: é quen de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna.
Ese poder conseguiuno, vendo como o Sol pousaba a súa luz, ao afundirse no mar,
despedindo o día.
Chegou o gran momento. Levabamos días e
días esperando e
preparando a súa chegada e por fin,
puidemos gozar da presenza dun autor da talla de MANUEL RIVAS. Todo isto
grazas á xentileza de Anaya, editora do seu libro “O raposo e a mestra”, elixido como itinerario lector en lingua
galega para Terceiro e Cuarto curso de
Ed. Primaria.
Cando chegou ao colexio, pasaban quince
minutos do mediodía. Como o público era moi numeroso, case cen nenos e nenas,
en vez de representar a animación lectora na Biblioteca como é habitual,
acondicionamos o comedor como salón de actos.
Antes de comezar a actuación os alumnos e
alumnas quixeron recibilo cunha poesía titulada “A Manolo Rivas”, escrita por eles e recitada por Alba Burón, alumna
de 4ºA.
Comezou así:
“Manolo Rivas, gústanos que escribas,
Como narrador, es un gran escritor,
como autor un gran soñador”.
Manolo Rivas, gústanos a imaxe
dos teus personaxes.
En cada un deles,
fas unha homenaxe.
Que agradable sorpresa,
resultou ler o “O raposo e a mestra”.
...............
Alba continuou
recitando coa súa doce voz de nena. Fíxoo tan ben que cando rematou, Manuel Rivas,
agradeceullo cunha reverencia.
Entón comezou a
actuación. Acompañado de César, un músico moi especial, repuntou dramatizando a
historia do raposo e da mestra. Ataviouse cun fular a modo de rabo, unha gorra
como se fora un casco, e unha lanterna na fronte; igualiño, igualiño que Pindo,
o raposo. Cantou as cantigas que aparecen no relato e en todos os idiomas!!: en
galego, francés, inglés, italiano e ata en alemán. Bailou, e animou a todos e a
todas coas súas verbas sacadas do relato: chascarrandainas, choino, toporroutou, prolipropileno…Se queredes saber
o significado destas palabras, deberiades ler o libro Paga a pena!.
Nestas imaxes, se intúe a
súa paixón pola literatura. Por certo, canta moi ben e como actor é fantástico.
Rematou explicando que
para escribir o conto, se inspirou nun
raposo que veu pasar por diante del...Co difícil que é mirar un raposo, que
sorte! Tamén explicou que o chamou Pindo polo monte Pindo, aquel que se mira na
Costa da Morte.
Autor, músico e
público asistente acabamos cantando e batendo palmas.
Para despedilo, outro
agasallo: uns versos de Rosalía cantados pola alumna de 6º B, Ana Garrandés, que
coa súa fermosísima voz fixo que Manuel Rivas quedara sorprendido e
impresionado.
Acto seguido, trasladámonos á Biblioteca para que asinara os
exemplares de todos os alumnos/as. Algúns profes aproveitaron a ocasión para
traer da casa un libro del para que lles quedase unha lembranza deste intenso e
marabilloso día.
No libro de autores da nosa biblioteca, “Astros da Literatura”, debuxou unha espiral e no medio, nós, o
Colexio Pintor Laxeiro, e ao redor:as cereixas, a luz da néboa, as Cíes do
ceo, o camiño dos vagalumes, os paxaros invisíbeis, o país dos parachuvas
surrealistas, a liña que une o visíbel e o invisíbel, mil anos do noso pobo, a
liña do inaccesíbel, a terra que se esconde, a esperanza á procura de esperanza e, por último, a súa sinatura.
Deixounos un mapa conceptual de sensacións que nos envolve!!
Foi para nós unha honra gozar da túa presenza, da túa xenerosidade en non
escatimar o tempo, de facernos pasar unhas horas extraordinarias, pero sobre todo grazas polo goce que experimentamos coa lectura dos teus libros, SEMPRE.
Como “A gratitude é a memoria do corazón”
(Lao Tse), con este vídeo - montaxe
realizado por Eugenia Álvarez (Coordinadora da Biblioteca), o Equipo de
Biblioteca quere agradecer o traballo realizado
por Esther Fernández (coordinadora do Equipo de Actividades Extraescolares e
Complementarias) por empregar o seu tempo, entre outras cousas, no acondicioamento do espazo xunto cos seus alumnos de 6º B de primaria. Do mesmo xeito, tamén agradecer a Montse Coello (Coordinadora
do Equipo das Tics) pola labor realizada de gravación de todo o acontecemento
deste día tan especial.
Grazas polo voso apoio!
E grazas a todos/as que
contribúen no día a día a que a nosa tarefa sexa máis livián!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario