UN DÍA
DESPOIS DO DÍA DO LIBRO:
ESPERADA VISITA DE LEDICIA COSTAS.
As titoras de sexto curso de Primaria elixiron este curso o libro “Escarlatina,
a cociñeira defunta”, de Ledicia Costas, como itinerario lector en lingua galega. A elección resultou moi acertada, tendo en conta que a devandita obra foi galardoada en varias
ocasións: premio Merlín de Literatura infantil en 2014,
premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de Literatura Infantil de 2014 e o
premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de
literatura infantil e xuvenil. Figura tamén como finalista dos premios concedidos
pola AELG (Asociación de Escritores en
Lingua Galega) á mellor obra publicada no 2014 de literatura infanto-xuvenil. O
sábado día 9 de maio, no Círculo de las
Artes do Concello de Lugo, darase a coñecer a obra ganadora. Queremos desexarlle
dende aquí moita sorte.
Os alumnos e alumnas
prepararon con moita ilusión a visita: para recibir a Ledicia Costas, disfrazáronse
de personaxes do inframundo. Estaban impresionantes! Tanto foi así que a propia Ledicia non puido conter as gargalladas ao mirar
para aquel público que máis ben parecía saído do video "Thriller" de Michael Jackson.
Non foi a única sorpresa que lle deron a esta escritora tan nova, senón que tamén trouxeron un montón de lambetadas elaboradas na casa por eles e
elas coas receitas de cociña que aparecen no libro. Houbo moita variedade de doces de chocolate: piruletas ,
caracois, magdalenas, biscoitos, flan, e ata unha empanada de mexillóns, receita incluída na obra porque lle gusta moito a Ledicia,
A charla resultou moi amena. Contou que aínda que exercía de avogada
ata hai pouco, decidiu aparcar a súa
profesión para meterse de cheo na literatura. Como todos os escritores e
escritoras, destacou o seu gusto pola lectura desde ben nena.
Pronto se centrou no argumento da novela. A sitúa no inframundo porque, segundo ela, non
existe moita literatura xuvenil sobre isto e esta temática, en clave de humor, atraíalle dende ben
nena. O personaxe do avó é piloto de carreiras porque a ela
lle gustan moito os coches. Para darlle carácter ao personaxe inspirouse na peculiar figura do seu avó, xa falecido, Fixo as delicias de todos e todas recordando anécdotas vividas por ela.
Invitou aos nenos e nenas a participar do tema avós e saíron historias
realmente divertidas. Falou de animais; a pesar de que a mascota do
protagonista é un gato, a ela particularmente, non lle gustan nada, arrepíanlle. Tamén das súas preferencias polos programas de televisión sobre cociña. E das mulleres, de
como a pesar de que o sexo masculino se leva a mellor parte en canto a estrelas
Michelín hai mulleres que
saben moito, moito de cociña e para mostra, as avoas. Por todo isto e porque foi o seu desexo, a protagonista, experta en menús, é unha nena….
Unha vez rematada a charla asinou todos e cada un dos exemplares. Os
nenos e nenas agasallárona cunha bandexa de doces. A biblioteca
converteuse nun improvisado festín.
As receitas de Ledicia fixeron as delicias
de nenos/as e maiores; as profes tamén gozamos “de lo lindo”.
Grazas Ledicia e grazas ás mamás e papás que con tanto mimo colaboraron
nesta xornada inesquecíble.
No hay comentarios:
Publicar un comentario