lunes, 27 de noviembre de 2017

Un venres de ciencia en galego no Laxeiro.


E chegou o momento de poñer a nosa biblioteca ao servizo da ciencia en galego. Nenos, nenas e profesoras de Educación Infantil gozaron dunha divertida xornada de experimentos: globos que se inflan por arte de maxia ou manchas que escapan do deterxente; pero mellor mostramos as imaxes:

MAXIA CON VINAGRE E BICARBONATO
Os nenos e nenas de 3 anos e todos os asistentes viron incharse un globo cando se mistura o vinagre e o bicarbonato


Nesta imaxe, os alumnos e alumnas de cuarto de Educación Infantil observan con interese, como as manchas no leite escapan do lavavaixelas.



EXTRAORDINARIA CHARLA - OBRADOIRO IMPARTIDA POR BIÓLOGOS DA UNIVERSIDADE DE VIGO

Mentres, os maiores gozaban dunha charla - obradoiro impartida por expertos biólogos sobre a vida animal e vexetal. E tan expertos!, tanto como que  son  profesores da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. Actividades deste tipo énchenos de satisfacción como mestras e como membros do Equipo de Biblioteca, xa que resulta moi positivo e motivador que homes e mulleres de ciencia  realicen labores de divulgación entre o alumnado máis pequeno.






O cartel anunciador da actividade.








Para comezar, os biólogos presentaron  un Power Point. Nel puidemos ver:  a clasificación de animais, información sobre os máis intelixentes e os máis fortes ademais dos máis traballadores; animais en perigo de extinción e extinguidos; animais de diferentes razas, destacando as de raza autóctona como por exemplo a vaca rubia galega, o cabalo galego, o can de palleiro. 


Os expertos contestaron a todas as dúbidas.


Tras a charla, os alumnos e alumnas pasaron en pequenos grupos para ver unha pequena exposición que montaron na sala, e puideron mirar a través de microscopios de última xeración curiosidades, como unha cabeza de formiga ou unha pulga.



Todos e todas puideron observar, en clave científica, arañas, saltóns, tartarugas, estrelas de mar, caracolas...


                                               






AGRADECEMENTOS
Para rematar, fixémoslle un pequeno agasallo aos Profesores para agradecerlles a súa presenza  e a súa labor divulgativa totalmente desinteresada. Desde esta páxina queremos darlle as GRAZAS outra vez e con maiúsculas!!!


                                     
                                              IMPRESIÓNS DO ALUMNADO

 “Gustounos moito a charla porque aprendimos cousas sobre todo tipo de animais: pequenos, grandes, fortes, débiles, terrestres, mariños… Ademais amosáronnos as partes dun microscopio. Foi moi divertido!”


Sofía, María, Xaido e Lucas.




“A charla gustounos moito porque nos enseñaron animais moi raros que nunca víramos”.
Ayelén, Alejandra, Nicolás e Alan.



“A charla foi moi interesante porque nos falaron de todo tipo de animais, de que comían, como se reproducían. Encantounos!”
Naiala, Estela, Juan, Xulio.



“A charla estivo moi ben, aínda que non puidemos ver o vídeo porque non funcionaba, aprendimos moitas cousas sobre distintos tipos de animais”.
María, Raúl, Hugo e Sara.



“Gustounos moito porque nos amasaron moitas cousas interesantes. Vimos pulgas e a cabeza dunha formiga co microscopio”.
Ana Uxía, Mario, Sara, Iago, Sara.


“Gustounos moito a charla porque nos gustan moito os animais e faláronnos de moitos deles, dixéronnos que había millóns de especies de animais!”
Javier, Andrés, Xiana e Uxía.

domingo, 19 de noviembre de 2017

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2017

Como cada ano en novembro, adicámonos a promocionar a ciencia en GALEGO na biblioteca.
Expoñemos na entrada fondos de ciencias en galego, xunto con xogos que axudan a traballar esta disciplina dun modo lúdico. A intención é contribuír a asentar os coñecementos adquiridos, a través do xogo.






 



Confeccionamos un documento para os cursos de Ed Infantil con experimentos sinxelos para poñer en práctica nas aulas.