domingo, 21 de enero de 2018

SEMANA DA PAZ NA BIBLIOTECA

Como cada ano, dende a Biblioteca,  espazo de  repouso, calma e lectura por excelencia queremos sumarnos aos actos programados no Centro para celebrar o 30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz e que así foi recoñecido pola UNESCO no 1993. 
Nesta data se lembra  a necesidade de educar na tolerancia,  solidariedade,  respecto aos Dereitos Humanos, na non- violencia e na paz. Con todo, estes valores deben ser os pilares nos que se asenta a educación e resulta necesario poñelos en práctica cada día en todos os ámbitos: na escola, na familia, na rúa, no traballo... porque a PAZ é o MELLOR.


Ao longo desta semana, estiveron expostos unha variedade de títulos relacionados con valores de Paz e convivencia e en concreto a colección "Libros para pensar". Deste modo, mestres e mestras, alumnos e alumnas, puideron prepararse para a data que se aproxima.



A páxina de ACNUR (Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados) dispón dunha serie de recursos didácticos dirixidos ás diferentes etapas educativas. Imos traballar nas aulas estas temáticas e, como motivación, temos na biblioteca o libro da editorial Kalandraka: "Un cuadro de Picasso"




Así mesmo, aproveitaremos a "Hora de ler" para que os/as maiores lles lean un conto aos máis pequenos e pequenas, cuxos argumentos fomenten algúns destes valores. Estiveron ensaiando toda a semana en horario de lecer,  para que esta lectura lles resulte fluída e amena. Os títulos escollidos son:
  • "A cebra Camila"
  • "A derradeira cincenta"
  • "Tiempo de compartir"
  • "Por que a Mª José lle chaman José Mari?"  
E chegou o luns, a "Hora de ler". A María, Noelia, Lucía, Nuria, Naiala e Zulema non lles chegaba a hora de ir contar o conto que, con tanto agarimo, prepararan para os máis pequenos e pequenas. A continuación podemos ver imaxes do divertido momento:


Noelia e María nun intre da lectura de "A cebra Camila" en 6º de ED Infantil






Moi satisfeitas co libro e coa cebra Camila na man.






Lucía e Nuria, en 1º de Ed Primaria, quixeron poñer un sombreiro de copa para engadir importancia ao momento da lectura de "A derradeira Cincenta"












                   Naiala e Zulema lendo sobre o valor de COMPARTIR en 2º de Ed. Primaria. Ao igual que as protagonistas do conto,  elas tamén son xemelgas e coñecen ben as ventaxes que supón o feito de compartir e traballar en equipo.











O martes, os máis pequenos tamén puideron gozar da lectura dun conto de produción propia que define  a Paz en positivo. Patricia e Lucía, alumnas de 6º de Primaria, foron as encargadas de achegar a actividade aos máis cativos do colexio, alumnos e alumnas de 4º de Ed Infantil. Tanto lles gustou, que acabaron poñendo en práctica o que as maiores lles leron con tanto cariño. 

Patricia e Lucía lendo moi animadas.



Lucía estivo encantada de dar e recibir.
Resultou un éxito para todos e todas.

Pola súa parte, Marina de 6º de Primaria, traballou co alumnado de 3º de Primaria a igualdade de xénero, un dereito do que é necesario ter conciencia desde a primeira infancia. O título lido foi; "Por que a Mª José lle chaman José Mari?" 

Marina, lendo o conto.

O venres decoramos as paredes do vestíbulo da Biblioteca cos traballos feitos por alumnos e alumnas de 2º de Primaria. As mestras de Relixión e Alternativa a Relixión aceptaron a proposta do Equipo da  Biblioteca de traballar xuntas unha das suxestións didácticas da páxina de ACNUR: as consecuencias da guerra na poboación civil. Buscaron imaxes alusivas e imprimíronas engadindo por escrito as súas impresións. Quixeron plasmar unha mensaxe de esperanza pola Paz. O resultado foi este:


Dixeron NON!!! aos horrores e á violencia.

Na parede oposta deixaron unha mensaxe de esperanza.

Os usuarios e usuarias da Bibliolaxeiro queren ABRAZAR A PAZ!!!.