sábado, 5 de diciembre de 2015

COMEZA O CULTURGAL 2015 EN PONTEVEDRA
PAZO DA CULTURA (4,5 e 6 de decembro)




A Feira das Industrias Culturais comeza en Pontevedra con moitas propostas destinadas a todas as idades.


O programa de actividades podedes consultalo na súa páxina web ou premendo directamente nos enlaces que poñemos neste blog.

Hai dos espazos que están permanentemente abertos: xogos tradicionais, bebeteca...Tamén hai visitas guiadas que podedes gozar nestes tres días.




Animádevos a asistir - especialmente este sábado - porque 
PAGA A PENA!.



domingo, 29 de noviembre de 2015

VENRES, 20 DE NOVEMBRO
UN DÍA TRISTE POLA MORTE DE XOSÉ NEIRA VILAS
O autor dun libro fermosísimo, "Memorias dun neno labrego", o pai de Balbino, o seu protagonista deixounos este venres. Un loitador que escribiu as seguintes verbas inesquecibles:

"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre".




Nos seguintes enlaces podedes ler máis sobre X. Neira Vilas:
Na páxina web da súa Fundación
Na wikipedia
Nesta páxina de biografías da Enciclopedia Biográfica en línea

jueves, 5 de noviembre de 2015

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

Cartel da edición de 2015 do Día da Ciencia en Galego.

Onte, mércores 4 de novembro, foi un día para reivindicar o uso da lingua galega para a investigación, a divulgación e a docencia.

En toda Galicia, e promovido por diversas institucións, celebráronse diversos actos que se enmarcan dentro do Mes da Ciencia que se celebra ao longo do mes de novembro.

Dende o ano 2010 as tres universidades galega organizan eventos co lema "En galego tamén se fai ciencia".

Este ano o Día da ciencia en galego, está dedicado aos científicos galegos Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga Pondal este último considerado o símbolo do científico galego. 

Como non podía ser menos, as Bibliotecas escolares galegas se suman a esta celebración e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere impulsar a celebración anual deste día e dedicar o mes de novembro ao MES DA CIENCIA EN GALEGO DAS BIBLIOTECAS. Por este motivo, Bibliotecas Escolares de Galicia difunde esta data cun cartel, un folleto informativo, un Manifesto que este ano correo a cargo de Jorge Mira e unha recompilación de materiais e recursos dixitais para que todos/as podades gozar e aprender. Nós tamén imos realizar diversas actividades relacionadas coa ciencia en galego e que publicaremos neste blog. 









jueves, 29 de octubre de 2015

E CHEGA O DÍA DE CELEBRAR O SAMAÍN



       

Na biblioteca, os alumnos e alumnas puideron disfrutar dunha exposición de libros con temática de medo. Para ambientar a mostra confeccionamos murais con debuxos onde aparecían representados os seus medos. Eran do máis variopinto, dende  pantasmas ou monstruos ata  morcegos ou calcetíns de cores…







Os alumnos e alumnas de quinto curso, durante estes días, buscaron na biblioteca ou na casa,  textos, libros, ou fragmentos literarios onde o inframundo estivera presente. Con este material elaboraron traballos que hoxe leron aos compañeiros e compañeiras na Biblioteca.


 












 Outros cursos decidiron elaborar estes traballos durante a fin de semana aproveitando o ambiente do Día de Tódolos Santos, e expoñelos a vindeira semana. Recompilaremos todas estas historias para elaborar un exemplar de " Medos do Laxeiro".
 Remata aquí unha semana onde nenos e maiores puxemos de manifesto os nosos temores. CONTINUARÁ...






martes, 27 de octubre de 2015

COMEZA A SEMANA DOS MEDOS E AS EMOCIÓNS

O equipo de biblioteca elaborou unha serie de propostas, suxestións e actividades para desenvolver ao longo desta semana: unha sinxela unidade didáctica e unhas propostas de traballo colaborativo.


PROPOSTAS DE TRABALLO


viernes, 23 de octubre de 2015

24 DE OUTUBRO, “DÍA DA BIBLIOTECA”

O 24 de outubro, como cada ano desde o 1997 promovido por “La Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil” celebramos o Día da Biblioteca. Elixiuse esta data para lembrar a destrución da Biblioteca de Sarajevo durante o conflito dos Balcáns. A intención é trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como lugar de encontro de lectores de todas as idades coa cultura, e como instrumento de mellora da formación e convivencia humana.
     Na nosa Biblioteca tamén quixemos recordar esta data. Organizamos un concurso: “Buscando a Gromiño”, a nosa mascota. Este curso irá vestido de explorador porque nos acompañará na aventura de “ Buscar, elaborar, compartir…”, eixo vertebrador do noso traballo.
       Os Gromiños estiveron agochados dende a semana pasada  en todas e cada unha das clases. Os alumnos e alumnas, previa explicación dos profesores e profesoras do motivo da actividade, tiñan que atopalo. Estaban colocados nos lugares máis insospeitados…







      Unha vez localizados, os afortunados/as quedaron emprazados o venres día 23, ás 11:30h na Biblioteca para recibir un agasallo.
      A todos os nenos e nenas fíxolles moita ilusión a actividade. Os premiados e premiadas asistiron moi ledos á cita. Xa imaxinaban que o presente non podía ser outra cousa máis cun ...LIBRO!!!   







     Como anécdota do día, Martín, alumno de 4ºB, esqueceuse da cita, pero aí estaba a súa titora Carmen para recordarllo, deste xeito tamén pudo disfrutar do seu agasallo:









lunes, 5 de octubre de 2015

PARABÉNS PARA LEDICIA COSTAS!!!



Resultou unha auténtica ledicia coñecer a nova de que Ledicia Costas foi galardoada co “Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil “, 2015. Lembramos con moito agarimo o día 24 de abril, cando nos visitou para facer  unha animación lectora, precisamente sobre o título polo que recibiu o premio: “Escarlatina, a cociñeira defunta”, elixido como itinerario lector para o alumnado de sexto de Educación Primaria no curso 2014-2015. 



Recibímola con doces elaborados polos alumnos e alumnas en colaboración coas familias,  inspirados nas receitas do libro.

Encantounos oíla falar dos seus avós como fontes de inspiración, do moito que lle gustan os coches ou do chocolate, o seu doce favorito; de como quería desmitificar o inframundo. Os nenos e nenas para homenaxeala viñeron disfrazados de zombis e de personaxes variopintos


Foi unha xornada encantadora, divertida, riquísima e, sobre todo inesquecible.


Desde este pequeno recuncho queremos desexarte moitas felicidades Ledicia e que sigas recollendo moitos éxitos!!!                                                          












jueves, 17 de septiembre de 2015

A POSTA A PUNTO


Benvida a todos e todas neste novo curso que comeza a súa andaina. O equipo de biblioteca está a traballar arreo para que a nosa biblioteca estea a punto e para elo estamos reorganizando os espazos, rexistrando e etiquetando libros e outros recursos, realizando o imprescindible expurgo para dar cabida a novos fondos, rexistrando ao novo alumando e aos novos profesores, programando o Plan Anual de lectura...Unha tarefa ardua, complicada e que consume grande parte das nosas enerxías.


    
O equipo de biblioteca sábeo moi ben e non escatima esforzos rabuñando segundos ao tempo de que dispoñemos.

Tamén estamos a revisar os materiais das Mochilas Viaxeiras de educación infantil, introducindo nelas novos materiais en lingua inglesa e así valorar as suxestións  realizadas o curso pasado polos pais/nais.




Durante este curso escolar e seguindo a traxectoria dos anteriores estamos a elaborar un novo Proxecto Documental Integrado. Este ano, e tras varias reunións realizadas polo  claustro de profesores, decidimos sumarnos ao tema proposto por Bibliotecas escolares de Galicia que leva o título “ Biblioteca escolar,base de exploracións”



BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS

O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido”.












jueves, 25 de junio de 2015

miércoles, 24 de junio de 2015

AGASALLOS LECTORES
UN ESTUPENDO FIN DE CURSO




Este curso que xa remata,  o Equipo de Biblioteca pensou en levar a cabo como actividade de fomento da lectura, un recoñecemento para os alumnos e alumnas que mellor aproveitaron os recursos da biblioteca, segundo os datos que se desprenden do programa Meiga, ferramenta que axuda a automatizar os procesos de xestión dos fondos da  biblioteca, un estándar da xestión bibliotecaria en Galicia.
O último día de curso entregamos  diplomas e un libro con CD aos sete finalistas:



Camisón Araújo, Zulema (2ºB Ed Prim), García Rodríguez, Mario (2ºA Ed Prim), Rodríguez Ballesteros, Lois  (1ºB Ed Prim), Rolán Bautista, Sara (2ºB Ed Prim), Bulete, Alexa-Mihaela (2º B Ed Prim), Dudau Bartolomé, Nadyn (6ºB Ed Inf) e  Encisa Pérez, Martín (5º B Ed Prim). 

E para a ganadora ademais do diploma e o libro, un fermoso agasallo confeccionado con goma -  eva, un Gromiño!! Na imaxe vemos  a MARÍA PÉREZ VÁZQUEZ (2ºB Ed Prim) así de orgullosa co seu ben merecido Gromiño!




PARABÉNS A TODOS E A TODAS!!!!               

Aproveitando o V Centenario do nacemento de Santa Teresa de Jesús queremos lembrar a súa labor literaria rematando o curso académico cunha das súas frases máis célebres:
                            
             “Lee y conducirás, no leas y serás conducido".                                                                                                   

jueves, 11 de junio de 2015

VIGO, UNHA CIDADE LECTORA.

Hoxe temos a satisfacción de ler unha estupenda noticia no xornal Faro de Vigo. Segundo se desprende dun estudo feito por un portal de comercio electrónico, Vigo é unha das cidades de España onde máis se le, por diante de Barcelona ou de Bilbao. Esta realidade supón que debemos continuar no esforzo para manter esta situación  e mesmo  mellorar os datos. Desde o noso pequeno recuncho, a Biblioteca do centro, queremos aportar toda a nosa perseveranza e traballo para que se volvan a publicar noticias como esta.

Así mesmo,  comprácenos enormemente pertencer á rede de Bibliotecas Escolares de Galicia que pon todo o seu empeño no fomento da lectura como ferramenta de acceso ao coñecemento. Queremos agradecerlle un ano máis o seu asesoramento e o seu investimento para o bo funcionamento das bibliotecas nos centros galegos.


Una lectora entre estanterías en La Casa del Libro. // R. Grobas

Vigo también fabrica... lectores

Un estudio del portal de comercio electrónico Amazon sitúa a la ciudad como la sexta gran urbe española donde más se lee

carlos prego 11.06.2015 | 06:49

jueves, 7 de mayo de 2015

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS NA PÁXINA DO MINISTERIO DE EDUCACIÓN CULTURA E DEPORTE

No  enlace  podedes ver a reseña que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte dá a coñecer a toda España a labor que desenvolven as bibliotecas escolares galegas. En concreto, faino en relación á celebración o 23 de abril do Día do Libro.


É un pulo que nos debe seguir animando a traballar por e para o fomento da lectura, porque creemos nunhas bibliotecas dinámicas e activas que cumpren distintas e variadas funcións: lugar de traballo, de encontro, de busca de información, de lugar para compartir ideas e opinións...

Podedes ver tamén neste outro enlace, distintas experiencias  realizadas nas bibliotecas de diversos centros galegos.

jueves, 30 de abril de 2015

MANUEL RIVAS
NO COLEXIO
Sopa de libros. Edicións Xerais



O raposo Pindo é un raposo solitario, que sabe as falas de todos os animais e as persoas; segundo se di é fillo do lobo Petiso e a raposa Meiga. Pindo ten un poder: é quen de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna. Ese poder conseguiuno, vendo como o Sol pousaba a súa luz, ao afundirse no mar, despedindo o día.





Chegou o gran momento. Levabamos días e días  esperando  e  preparando a súa chegada e por fin,  puidemos gozar da presenza dun autor da talla de MANUEL RIVAS. Todo isto grazas á xentileza de Anaya, editora do seu libro “O raposo  e a mestra”,  elixido como itinerario lector en lingua galega para  Terceiro e Cuarto curso de Ed. Primaria.



Cando chegou ao colexio, pasaban quince minutos do mediodía. Como o público era moi numeroso, case cen nenos e nenas, en vez de representar a animación lectora na Biblioteca como é habitual, acondicionamos o comedor como salón de actos.
Antes de comezar a actuación os alumnos e alumnas quixeron recibilo cunha poesía titulada “A Manolo Rivas”, escrita por eles e recitada por Alba Burón, alumna de 4ºA.



                                     


Comezou así:

              “Manolo Rivas, gústanos que escribas,
               Como narrador, es un gran escritor,
               como autor un gran soñador”.
              
               Manolo Rivas, gústanos a imaxe
               dos teus personaxes.
               En cada un deles,
               fas unha homenaxe.

               Que agradable sorpresa,
               resultou ler o “O raposo e a mestra”.
                ...............

Alba continuou recitando coa súa doce voz de nena. Fíxoo tan ben que cando rematou, Manuel Rivas, agradeceullo cunha  reverencia.
Entón comezou a actuación. Acompañado de César, un músico moi especial, repuntou dramatizando a historia do raposo e da mestra. Ataviouse cun fular a modo de rabo, unha gorra como se fora un casco, e unha lanterna na fronte; igualiño, igualiño que Pindo, o raposo. Cantou as cantigas que aparecen no relato e en todos os idiomas!!: en galego, francés, inglés, italiano e ata en alemán. Bailou, e animou a todos e a todas coas súas verbas sacadas do relato: chascarrandainas, choino,  toporroutou, prolipropileno…Se queredes saber o significado destas palabras, deberiades ler o libro Paga a pena!.

Nestas imaxes, se intúe a súa  paixón pola  literatura. Por certo, canta moi ben e como actor é fantástico.





Rematou explicando que para  escribir o conto, se inspirou nun raposo que veu pasar por diante del...Co difícil que é mirar un raposo, que sorte! Tamén explicou que o chamou Pindo polo monte Pindo, aquel que se mira na Costa da Morte.
Autor, músico e público asistente acabamos cantando e batendo palmas.




Para despedilo, outro agasallo: uns versos de Rosalía cantados pola alumna de 6º B, Ana Garrandés, que coa súa fermosísima voz fixo que Manuel Rivas quedara sorprendido e impresionado.



Acto seguido,  trasladámonos á Biblioteca para que asinara os exemplares de todos os alumnos/as. Algúns profes aproveitaron a ocasión para traer da casa un libro del para que lles quedase unha lembranza deste intenso e marabilloso día.




No libro de autores da nosa biblioteca, “Astros da Literatura”, debuxou unha espiral e no medio, nós, o Colexio Pintor Laxeiro, e ao redor:as cereixas, a luz da néboa, as Cíes do ceo, o camiño dos vagalumes, os paxaros invisíbeis, o país dos parachuvas surrealistas, a liña que une o visíbel e o invisíbel, mil anos do noso pobo, a liña do inaccesíbel, a terra que se esconde, a esperanza á procura de esperanza e, por último, a súa sinatura.
Deixounos un mapa conceptual de sensacións que nos envolve!!



Foi para nós unha honra gozar da túa presenza, da túa xenerosidade en non escatimar o tempo, de facernos pasar unhas horas extraordinarias, pero sobre todo grazas polo goce que experimentamos coa lectura dos teus libros, SEMPRE. 




Como “A gratitude é a memoria do corazón” (Lao Tse), con este vídeo - montaxe realizado por Eugenia Álvarez (Coordinadora da Biblioteca), o Equipo de Biblioteca quere agradecer  o traballo realizado por Esther Fernández (coordinadora do Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias) por empregar o seu tempo, entre outras cousas, no acondicioamento do espazo xunto cos seus alumnos de 6º B de primaria. Do mesmo xeito,  tamén agradecer a Montse Coello (Coordinadora do Equipo das Tics) pola labor realizada de gravación de todo o acontecemento deste día tan especial.

Grazas polo voso apoio!
E grazas a todos/as que contribúen no día a día a que a nosa tarefa sexa máis livián!. 



lunes, 27 de abril de 2015

O RAP DA BIBLIOTECA




O equipo de biblioteca elaborou este simpático anuncio para animar aos usuarios/as. Aproveitamos esta ocasión para presentalo ao concurso de curtametraxes organizado polo equipo de dinamización lingüística do centro









domingo, 26 de abril de 2015

UN DÍA DESPOIS DO DÍA DO LIBRO: 
ESPERADA VISITA DE LEDICIA COSTAS.

                                     

As titoras de sexto curso de Primaria elixiron este curso o libro “Escarlatina, a cociñeira defunta”, de Ledicia Costas,  como itinerario lector  en lingua galega. A elección  resultou moi acertada, tendo en conta que a devandita obra foi galardoada en varias ocasións:   premio Merlín de Literatura infantil en 2014, premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de Literatura Infantil de 2014 e o premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de literatura infantil e xuvenil. Figura tamén como finalista dos premios concedidos pola  AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) á mellor obra publicada no 2014 de literatura infanto-xuvenil. O sábado  día 9 de maio, no Círculo de las Artes do Concello de Lugo, darase a coñecer a obra ganadora. Queremos desexarlle dende aquí moita sorte.



Os alumnos e alumnas prepararon con moita ilusión a visita: para recibir a Ledicia Costas, disfrazáronse de personaxes do inframundo. Estaban impresionantes! Tanto foi así que a propia Ledicia non puido conter as gargalladas ao mirar para aquel público que máis ben parecía saído do video "Thriller" de Michael Jackson.






Non foi a única sorpresa que lle deron a esta escritora tan nova, senón que tamén trouxeron un montón de lambetadas elaboradas na casa por eles e elas coas receitas de cociña que aparecen no libro. Houbo moita variedade de doces de chocolate: piruletas , caracois, magdalenas, biscoitos, flan, e ata unha empanada de mexillóns, receita incluída na obra porque lle gusta moito a Ledicia,







A charla resultou moi amena. Contou que aínda que exercía de avogada ata hai pouco,  decidiu aparcar a súa profesión para meterse de cheo na literatura. Como todos os escritores e escritoras, destacou o seu gusto pola lectura desde ben nena.

Pronto se centrou no argumento da novela. A sitúa no inframundo porque, segundo ela, non existe moita literatura xuvenil sobre isto e esta temática, en clave de humor, atraíalle dende ben nena. O personaxe do avó é piloto de carreiras porque a ela lle gustan moito os coches. Para darlle carácter ao personaxe inspirouse na peculiar figura do seu avó,  xa falecido, Fixo as delicias de todos e todas recordando anécdotas vividas por ela.





Invitou aos nenos e nenas a participar do tema avós e saíron historias realmente divertidas. Falou de animais; a pesar de que a  mascota do  protagonista é un gato, a ela particularmente,  non lle gustan nada, arrepíanlle. Tamén das súas preferencias polos programas de televisión sobre  cociña. E das mulleres, de como a pesar de que o sexo masculino se leva a mellor parte en canto a estrelas Michelín hai mulleres que saben moito, moito de cociña e para mostra, as avoas.  Por todo isto e porque foi o seu desexo,  a protagonista, experta en menús,  é unha nena….





Unha vez rematada a charla asinou todos e cada un dos exemplares. Os nenos e nenas agasallárona cunha bandexa de doces. A biblioteca converteuse nun improvisado festín. 



As receitas de Ledicia fixeron as delicias de nenos/as e maiores; as profes tamén gozamos “de lo lindo”.


Grazas Ledicia e grazas ás mamás e papás que con tanto mimo colaboraron nesta xornada inesquecíble.