jueves, 30 de abril de 2015

MANUEL RIVAS
NO COLEXIO
Sopa de libros. Edicións Xerais



O raposo Pindo é un raposo solitario, que sabe as falas de todos os animais e as persoas; segundo se di é fillo do lobo Petiso e a raposa Meiga. Pindo ten un poder: é quen de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna. Ese poder conseguiuno, vendo como o Sol pousaba a súa luz, ao afundirse no mar, despedindo o día.





Chegou o gran momento. Levabamos días e días  esperando  e  preparando a súa chegada e por fin,  puidemos gozar da presenza dun autor da talla de MANUEL RIVAS. Todo isto grazas á xentileza de Anaya, editora do seu libro “O raposo  e a mestra”,  elixido como itinerario lector en lingua galega para  Terceiro e Cuarto curso de Ed. Primaria.



Cando chegou ao colexio, pasaban quince minutos do mediodía. Como o público era moi numeroso, case cen nenos e nenas, en vez de representar a animación lectora na Biblioteca como é habitual, acondicionamos o comedor como salón de actos.
Antes de comezar a actuación os alumnos e alumnas quixeron recibilo cunha poesía titulada “A Manolo Rivas”, escrita por eles e recitada por Alba Burón, alumna de 4ºA.



                                     


Comezou así:

              “Manolo Rivas, gústanos que escribas,
               Como narrador, es un gran escritor,
               como autor un gran soñador”.
              
               Manolo Rivas, gústanos a imaxe
               dos teus personaxes.
               En cada un deles,
               fas unha homenaxe.

               Que agradable sorpresa,
               resultou ler o “O raposo e a mestra”.
                ...............

Alba continuou recitando coa súa doce voz de nena. Fíxoo tan ben que cando rematou, Manuel Rivas, agradeceullo cunha  reverencia.
Entón comezou a actuación. Acompañado de César, un músico moi especial, repuntou dramatizando a historia do raposo e da mestra. Ataviouse cun fular a modo de rabo, unha gorra como se fora un casco, e unha lanterna na fronte; igualiño, igualiño que Pindo, o raposo. Cantou as cantigas que aparecen no relato e en todos os idiomas!!: en galego, francés, inglés, italiano e ata en alemán. Bailou, e animou a todos e a todas coas súas verbas sacadas do relato: chascarrandainas, choino,  toporroutou, prolipropileno…Se queredes saber o significado destas palabras, deberiades ler o libro Paga a pena!.

Nestas imaxes, se intúe a súa  paixón pola  literatura. Por certo, canta moi ben e como actor é fantástico.





Rematou explicando que para  escribir o conto, se inspirou nun raposo que veu pasar por diante del...Co difícil que é mirar un raposo, que sorte! Tamén explicou que o chamou Pindo polo monte Pindo, aquel que se mira na Costa da Morte.
Autor, músico e público asistente acabamos cantando e batendo palmas.




Para despedilo, outro agasallo: uns versos de Rosalía cantados pola alumna de 6º B, Ana Garrandés, que coa súa fermosísima voz fixo que Manuel Rivas quedara sorprendido e impresionado.



Acto seguido,  trasladámonos á Biblioteca para que asinara os exemplares de todos os alumnos/as. Algúns profes aproveitaron a ocasión para traer da casa un libro del para que lles quedase unha lembranza deste intenso e marabilloso día.




No libro de autores da nosa biblioteca, “Astros da Literatura”, debuxou unha espiral e no medio, nós, o Colexio Pintor Laxeiro, e ao redor:as cereixas, a luz da néboa, as Cíes do ceo, o camiño dos vagalumes, os paxaros invisíbeis, o país dos parachuvas surrealistas, a liña que une o visíbel e o invisíbel, mil anos do noso pobo, a liña do inaccesíbel, a terra que se esconde, a esperanza á procura de esperanza e, por último, a súa sinatura.
Deixounos un mapa conceptual de sensacións que nos envolve!!



Foi para nós unha honra gozar da túa presenza, da túa xenerosidade en non escatimar o tempo, de facernos pasar unhas horas extraordinarias, pero sobre todo grazas polo goce que experimentamos coa lectura dos teus libros, SEMPRE. 



video

Como “A gratitude é a memoria do corazón” (Lao Tse), con este vídeo - montaxe realizado por Eugenia Álvarez (Coordinadora da Biblioteca), o Equipo de Biblioteca quere agradecer  o traballo realizado por Esther Fernández (coordinadora do Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias) por empregar o seu tempo, entre outras cousas, no acondicioamento do espazo xunto cos seus alumnos de 6º B de primaria. Do mesmo xeito,  tamén agradecer a Montse Coello (Coordinadora do Equipo das Tics) pola labor realizada de gravación de todo o acontecemento deste día tan especial.

Grazas polo voso apoio!
E grazas a todos/as que contribúen no día a día a que a nosa tarefa sexa máis livián!. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario